xoves, 22 de marzo de 2018

MOCHILAS VIAXEIRAS

Xa tiñamos ganas de levar Imaxinópole (a nosa biblio) ás casas do noso alumnado. Onte viaxaron as mochilas de E. Primaria que conseguimos preparar nestas últimas semanas coa axuda de Laura Goldar a quen estamos moi agradecidos.

Hai uns días mandamos esta carta ás familias:

Queridas familias,


Inauguramos este curso unha nova actividade da biblioteca escolar, as  MOCHILAS VIAXEIRAS coa intención de ampliar a biblioteca a toda a comunidade educativa, é dicir, ABRIMOS PORTAS  ao gozo pola lectura en familia.
 
As MOCHILAS VIAXEIRAS estarán unha semana enteira nas vosas casas e  rotarán por todo o alumnado de cada curso. De aí a importancia de coidar os libros para que toda a comunidade poida gozar deles en perfectas condicións.


A composición das  mochilas é variada con  exemplares de poesía, álbum ilustrado, banda deseñada, informativos... Queremos mostrarvos o escaparate dunha biblioteca diversa, atractiva e formativa. Tamén rendemos unha  homenaxe a nosa veciña ilustre FINA CASALDERREY incluíndo un libro seu en cada mochila.


Por último pedimos a vosa colaboración para que escribades un pequeno texto sobre ese primeiro libro que vos deixou unha  pegada fonda e unha lembranza inesquecible. Cada páxina estará destinada a unha familia e a participación deberá correr a cargo de calquera adult@ da mesma.


Esperamos que gocedes connosco desta nova andaina.




A biblioteca

Ningún comentario:

Publicar un comentario